A Secretaria Xeral de Igualdade Dna. Susana López Abella, visitou AFACHANTADA o pasado venres día 2 de setembro, para coñecer o programa “Gabinete de apoio á muller coidadora” que desenvolve a nosa asociación. Tamén acudiron a esta cita, o Alcalde de Chantada D. Manuel Varela e a Concelleira de Servizos Sociais Dna. Cándida Carnero, así como varias persoas pertencentes á Xunta Diretiva da asociación como Dna. Pilar Ordoñez, Dna. Belén Vázquez, Dna. MªAntía Vázquez e o presidente da Afachantada, D. Enrique Rojo.
Nesta visita, a Secretaria Xeral de Igualdade destacou a contribución das entidades con este tipo de iniciativas que ofrecen recursos ás mulleres coidadoras para favorecer a súa activación persoal, social e laboral. A Administración autonómca concedeu a AFA Chantada unha aportación de máis de 23.600 euros para a posta en marcha deste programa.
López Abella, puido coñecer un pouco máis en profundidade o traballo que as/os profesionais da asociación Afachantada, está a realizar con este programa de apoio integral ás mulleres coidadoras de familiares con Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas. Ata puido participar nunha das actividades que se estaban a desenvolver ante o requerimento dunha das nosas usuarias.
A través desta iniciativa Gabinete de apoio á Muller coidadora, que a entidade ofrece a estas persoas, tal e como destaca Susana López Abella, “habitualmente fanse renuncias vitais e profesionais importantes para poñerse ao fronte dos coidados”. Os servizos ofrecidos dende a asociación constan de orientación laboral, actividades para a adquisición de competencias para a mellora da empregabilidade, atención psicolóxica e mediación familia. Estas medidas, tal e como subliñou, resultan fundamentais para unha activación persoal e social das mulleres afectadas.
Tal e como puido coñecer a secretaria xeral, o 17% dos fogares da comarca chantadina contan polo menos cunha persoa dependente. Máis do 80% das coidadoras principais son mulleres – esposas, fillas, irmás, noras- tal e como constamos dende AFA Chantada. “A labor que desempeñan ten un custo económico, pola merma de ingresos no momento de asumir os coidados, pero tamén da saúde física e psicolóxica”, remarcou López Abella.
A Xunta de Galicia colaborou con 23.600 euros para o desenvolvemento do programa, no marco dos apoios que cada ano convoca para que as entidades de iniciativa social sin ánimo de lucro poidan desenvolver iniciativas dirixidas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. A secretaria xeral, destacou que as coidadoras insirense neste colectivo ao ter que padecer moitas veces sobrecarga que pode afectar ao seu rendimento e xerar inestabilidade laboral, e mesmo pola asunción doutros coidados de fillas e fillos e tarefas de ámbito doméstico complementarias á atención da ou das persoas con Alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas ao seu cargo.